A mobilización a favor de Ence-Pontevedra bate amplamente á marcha da APDR

A marcha convocada pola APDR sobre a permanencia da  biofábrica de Ence en Pontevedra reuniu un número de seguidores moi inferior á cifra alcanzada pola manifestación a favor da  biofábrica de Lourizán que tivo lugar a finais do pasado mes de abril.

A pesar dos actos lúdicos e obsequios gastronómicos que esta asociación tivo que utilizar como reclamo na súa convocatoria, a marcha da APDR foi amplamente batida polas preto de 20.000 persoas que o pasado 26 de abril abarrotaron as rúas de Pontevedra e apoiaron masivamente a continuidade da planta de celulosa de Lourizán.

A resposta á convocatoria dos comités de empresa de Ence Pontevedra do pasado mes de abril foi, de feito, unha das maiores manifestacións que se lembran na cidade do Lérez. Ao seu chamamento co obxectivo de defender os 5.100 empregos que dependen da planta de Ence, responderon os traballadores directos, así como de contratas auxiliares, subministradores de madeira, empregados do sector forestal, camioneiros procedentes de toda a comunidade galega, e miles de cidadáns que se solidarizaron cos traballadores e o seu emprego.

Ante a obstinación dos convocantes da marcha de hoxe en destruír miles de postos de traballo sustentables e de calidade en Pontevedra e o resto de Galicia, Ence lembra e demostra, día a día, que a actividade da súa  biofábrica cumpre de maneira rigorosa a máis esixente normativa ambiental, española e europea, e non afecta de ningún xeito á calidade da auga da Ría de Pontevedra. A compañía recalca, ademais, que non existe outro emprazamento viable nin económica nin tecnicamente en Galicia para recolocar a planta de Lourizán.