Comunicado de Ence Pontevedra en relación ás últimas declaracións de Miguel Anxo Fernández Lores

En relación ás últimas declaracións de Miguel Anxo Fernández Lores, o alcalde en funcións e candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra, realizadas en medios de comunicación sobre o investimento de Ence en Pontevedra e a súa suposta influencia nos resultados das últimas eleccións municipais, a compañía manifesta que:

– É falso que Ence realizase investimento algún con fins políticos ou para favorecer o voto a ningún partido político a nivel nacional, autonómico ou local. A compañía non buscou influír de ningún xeito nos resultados das pasadas eleccións municipais. Ence mantívose á marxe das campañas electorais dos diferentes partidos e dos seus intereses políticos.

– Os investimentos levados a cabo por Ence na súa planta de Pontevedra por mor da prórroga da súa concesión para facer máis eficiente a planta e reforzar o seu xa excelente comportamento ambiental, están detalladas en contas auditadas e ao dispor de todo o mundo.

Cabe lembrar que na última parada anual, o pasado mes de marzo, Ence destinou 15,5 millóns de euros para implantar un exhaustivo programa de melloras, que permitiu incorporar novas tecnoloxías na planta: o novo ciclo da auga, que supoñerá un importante aforro de auga, e unha nova turbina de condensación que supuxo un aumento da eficiencia enerxética das instalacións.

– As concentracións e manifestacións ás que alude o Sr. Lores, entre elas a do 26 de abril pasado á que acudiron preto de 20.000 persoas, foron convocadas polos representantes dos traballadores en defensa dos seus postos de traballo e os das empresas colaboradoras de Ence, e contou cun apoio moi importante da cidadanía reflexo da preocupación social pola continuidade da biofábrica de Lourizán e a estabilidade e futuro dos 5.000 empregos que dependen da súa actividade.
Se se quere deixar sen o seu posto de traballo e sen o seu medio de vida a máis 5.000 familias de Pontevedra e do resto de Galicia, hai que estar preparado para a indignación e a protesta, e non culpar a outros desta decisión.