Ence non trasladará a biofábrica de Pontevedra cando remate a súa concesión

Ence Energía y Celulosa considera que o candidato do PSOE á alcaldía de Pontevedra, Agustín Fernández, desinforma aos cidadáns ao expor a creación dunha mesa de negociación para o traslado da biofábrica de Ence a outra localización, se é posible na comarca de Pontevedra.

A compañía insiste, una vez máis, que cando acabe a súa concesión non poderá trasladar a súa planta de Lourizán ao non existir localizacións alternativas na comunidade galega —por descontado en Pontevedra—, e por non ser viable económicamente.

Antonio Casal, Delegado de Ence en Galicia reiterou que “non é posible construír unha nova fábrica que cumpra os requisitos de rendibilidade mínima que esixe a súa viabilidade. Temos que ter presente que o sector da celulosa é un mercado mundial altamente competitivo, polo que unha fábrica necesita uns custos que aseguren a súa supervivencia. E as condicións necesarias para iso, lamentablemente, non se dan en Galicia”, concluíu Casal.

Pódese operar neste mercado cunha planta existente con investimentos para manter a súa competitividade e o seu comportamento ambiental. Pero o investimento nunha nova fábrica, que supón uns 700 millóns de euros, non se pode rendibilizar: a madeira en Sudamérica crece o dobre de rápido e custa un terzo do que en Galicia, e a man de obra unha cuarta parte.

Ence xustificou pormenorizadamente e de forma transparente que non hai unha localización alternativa viable desde un punto de vista técnico ou económico para construír unha nova fábrica de celulosa en Galicia, e mesmo facilitou publicamente o informe da enxeñería IDOM, experto independente que así o demostra. Todas as plantas de celulosa do mundo dun tamaño similar á de Pontevedra están no bordo dun océano, dunha ría, dun fiordo ou dun río con caudal como o Ródano, o Rin ou o Paraná.

A compañía quere poñer novamente de manifesto que o peche da súa planta de Pontevedra, e dadas as limitacións da biofábrica de Ence en Navia —que non poderá crecer máis aló dos investimentos que se están realizando e planeando agora—, provocará a perda de emprego para máis de 5.100 familias de Galicia. Ademais, supoñerá unha dramática caída do prezo da madeira no sector forestal galego levando a ruína a miles de produtores, o abandono de montes e, consecuentemente, a multiplicación dos incendios forestais na comunidade.