Preto de 20.000 persoas saen á rúa en Pontevedra para defender a continuidade da biofábrica de Ence en Lourizán

A cidade de Pontevedra albergou, na tarde de onte, unha multitudinaria manifestación en apoio á continuidade da biofábrica de Ence en Lourizán. Preto de 20.000 persoas abarrotaron as rúas da cidade, nunha das maiores concentracións que se lembran.

Decenas de miles de persoas responderon á convocatoria dos comités de empresa de Ence Pontevedra para defender o traballo das máis de 5.100 persoas de toda Galicia cuxos empregos dependen da actividade da biofábrica. Traballadores directos e indirectos, contratas auxiliares, subministradores de madeira, empregados do sector forestal, camioneiros procedentes de toda a comunidade galega, e representantes das principais asociacións de empresarios de Pontevedra e a súa contorna quixeron estar presentes nesta cita que reivindicou un futuro para a biofábrica.

Ata a cidade galega desprazáronse, igualmente, dous centenares de compañeiros da biofábrica de Navia e das oficinas centrais de Madrid, que quixeron demostrar o seu compromiso cos traballadores da planta pontevedresa e coa súa continuidade en Lourizán.

Baixo o lema “Polo futuro industrial de Pontevedra, ENCE si”, os manifestantes partiron da estación de autobuses da localidade e percorreron o centro da cidade, atravesando, entre outras, as emblemáticas rúas Joaquín Costa, Benito Corbal e a Praza da Peregrina, para terminar a súa marcha na Praza de España e fronte ás portas do Concello de Pontevedra, onde os representantes dos comités da biofábrica leron un manifesto en defensa da continuidade da mesma.“Hoxe demostramos que non só somos unha biofábrica que está situada na ría, somos algo máis. Contribuímos coa nosa actividade á riqueza, a nivel local e de toda a comunidade autónoma”, sinalou Ana Cedeira, Presidenta do Comité de Empresa de Oficinas Centrais de Ence Pontevedra, incidindo en que a protesta é “unha forma de demostrar a algúns políticos que só saben facer demagoxia que coas súas decisións irresponsables condenan á morte industrial a Pontevedra e Galicia”.

Do mesmo xeito, Cedeira anunciou que a manifestación será “o principio dunha loita e un ruído que cada vez vai ser máis grande e máis alto que nunca”, e que levarán con orgullo o lazo verde que identificou a esta causa desde a súa orixe. “Cada día que pasa estamos máis fortes e con máis ganas de defender a nosa biofábrica nos tribunais e nas rúas, e en Europa se é necesario. Non nos van a derrotar”, afirmou.

Pola súa banda, Ignacio Acuña, Presidente do Comité de Fábrica de Ence Pontevedra, afirmou que “As cidades que progresan son aquelas que son capaces de xerar industria, transformar a materia prima e xerar valor engadido, e sobre ese valor engadido, crear salarios dignos”. Nesta mesma liña, resaltou que “as cidades que avanzan son aquelas que son capaces de compatibilizar o traballo en todos os sectores produtivos, xa que na diversificación está a solución para diminuír o risco de paro”. “E esta solución non é unha utopía, nunha cidade como a nosa, varios sectores produtivos poden ser compatibles, bo exemplo diso é a actividade marisqueira na ría, compatible coa nosa actividade industrial”, afirmou. Acuña terminou a súa intervención destacando que “non nos renderemos ata lograr unha seguridade para os nosos empregos, que garanta o sustento e o porvir de tantas e tantas familias traballadoras”.