A biofábrica de Ence en Pontevedra comeza a súa parada técnica anual, á que destinará máis de 15 millóns de euros

Hoxe comeza a parada técnica anual da  biofábrica de Ence Energía y Celulosa en Lourizán, á que a compañía destinará investimentos por importe de 15,5 millóns de euros. Durante a parada a planta de Ence someterase, un ano máis, a un exhaustivo programa de melloras para incorporar novas tecnoloxías a fin de seguir reforzando a súa excelencia ambiental, así como a súa eficiencia e fiabilidade.

Entre os proxectos previstos hai que destacar aqueles que están focalizados nas melloras ambientais e reforzar a fiabilidade da  biofábrica, cuxa suma ascende a 7,5 millóns de euros.

Durante a parada realizaranse investimentos do proxecto Novo Ciclo da auga –a nova depuradora que supoñerá un importante aforro de auga– por importe de 2,5 millóns de euros, dos 11 millóns que están previstos acometer en 2019.

Este investimento permitirá a reutilización de 400 m3/hora de auga e minimizar o consumo de auga da  biofábrica. Así, este proxecto tecnolóxico, que inclúe solucións como as que se empregan para a potabilización da auga do mar, permitirá cando estea concluído en 2021 reducir ata nun 90% o volume de efluente á ría de Pontevedra e tomar do río Lérez tan só o 10% do caudal auga consumido na actualidade.

Tamén hai que sinalar que durante a parada a compañía instalará unha nova  turbina de condensación que supoñerá un aumento de eficiencia enerxética das instalacións da  biofábrica.

Ence Pontevedra, que conta cun persoal fixo de 400 persoas, verá aumentada en 1.500 o número de traballadores durante a parada técnica, a maior parte delas de Galicia.