ASFONOR pon en marcha coa axuda de Ence un proxecto para producir ovos de mosquitas que loiten contra a praga do Gonipterus

A Asociación Forestal do Norte (ASFONOR) de Pontevedra, puxo en marcha coa axuda de Ence un Proxecto para producir mosquitas que loiten contra a praga do gurgullo que arrasa ao eucalipto. O Proxecto, que recibiu unha subvención de 25.000 € do Plan Social da compañía, iniciouse o pasado verán, e ten como obxectivo principal poñer en marcha unha biofábrica ou centro de produción de ootecas parasitizadas coa mosquita Anaphes nitens, para o control biolóxico do Gonipterus platensis.

O primeiro obxectivo desta iniciativa foi desenvolver as instalacións destinadas a acoller a biofábrica durante o mes de febreiro, para posteriormente comezar coas primeiras probas de produción a comezos deste mes, co reto inicial de chegar a tratar unha superficie de entre 2.500 e 4.000 ha. Ditas instalacións foron deseñadas co fin de poder tratar 12.000 ha anuais en pleno funcionamento do proceso produtivo.

Previamente a este paso, técnicos de ASFONOR formáronse nas instalacións de viveiros de Ence en Figueirido, co obxectivo de aprender a desenvolver a xestión e manexo da biofábrica para o control biolóxico de Gonipterus, como son os procesos de produción e control de calidade, a coordinar e planificar os traballos de campo coa produción das ootecas, e que custos comporta o proceso. Ademais disto, Ence asesorará tecnicamente a ASFONOR na posta a punto final da súa biofábrica.

Estes e outros avances serán presentados mañá no IV Taller Internacional sobre o Control Biolóxico do Gonipterus, que se celebra en Pontevedra. Co desenvolvemento deste Taller, organizado por Ence Investigación e Desenvolvemento, e que se enmarca dentro das actividades proxectadas no Grupo Operativo Nacional GOSSGE para o control biolóxico do gurgullo, a cidade convértese un ano máis no centro mundial da loita contra esta praga, que constitúe a maior ameaza do propietario de eucalipto no noroeste peninsular.

Na xornada, cuxo núcleo principal serán as melloras de produción do Anaphes nitens, unha especie de mosquita que evolucionou paralelamente ao gurgullo, e cuxas larvas se desenvolven dentro dos ovos do Gurgullo ou Gonipterus, destacados expertos tratarán os medios actuais e posibles solucións futuras para mellorar a monitoraxe da evolución do insecto. Por iniciativa de Ence veñen tratando con Anaphes nitens unha media de 40.000 ha de eucalipto anualmente desde 2016, ás que hai que sumar a superficie tratada pola Xunta de Galicia, que se sitúa en 10.000 ha/ano.

O Gonipterus é responsable de perdas para os propietarios forestais estimadas en 30 millóns de euros en Galicia e a cornixa cantábrica, sendo o principal inimigo dos produtores de eucalipto, reducindo o crecemento anual de madeira en preto de 1 millón de metros cúbicos.